Manifesto

Na ADDP comprobamos, nestes primeiros anos de existencia, que compartir, formar, coñecerse e, en definitiva, asociarse, nos fixo máis fortes non só como colectivo, senón tamén como individuos, ao crebar esa barreira invisible que até o de agora definía a soidade intrínseca ao noso traballo.

A ADDP planeou tamén, entre os seus obxectivos fundacionais, recuperar o respecto e a dignidade profesional que o noso gremio merece en xustiza, un propósito que a día de hoxe é máis urxente e necesario ca nunca.

Seguimos considerando que deben recoñecerse como valores primordiais no proceso de creación dunha campaña, non só os nosos coñecementos técnicos e estéticos, senón tamén a nosa capacidade de achegarlles unha personalidade e unha visión narrativa única aos conceptos creativos xerados polas axencias. Polo tanto, forma parte da nosa misión lembrarlles a todos os actores desta industria que devaluar a figura da directora ou do director só contribúe ao empobrecemento do nivel de calidade das campañas publicitarias creadas no noso país.

Dirixir é, ademais, e por obvio que resulte mencionalo, unha profesión.

Unha profesión que non se limita á rodaxe das nosas producións, senón que abrangue un amplo proceso, desde que se nos solicita un tratamento para participar na adxudicación dun proxecto, ata que conclúe a nosa intervención na creación da peza final. Como tal, o noso labor profesional esixe, por definición, o mesmo respecto que recibe calquera outro gremio no relativo a condicións legais e laborais.

Partindo desta premisa de respecto á legalidade vixente, que debería ser obvia para todas as partes implicadas,

a ADDP está determinada a defender o recoñecemento como profesionais de pleno dereito de todos as persoas integrantes,

ofrecéndolles asesoramento, ademais de soporte legal e xurídico, no caso de que teñan que enfrontarse a condicións laborais que incumpran o marco legal que nos ampara no exercicio da profesión.

A creación de tratamentos e, en xeral, todo o proceso de concurso dos proxectos, son elementos clave do noso traballo. Segue a ser outro dos obxectivos prioritarios da ADDP regular esta fase de tratamento e adxudicación de proxectos, para lograr que sexa efectiva a aplicación e o obrigado cumprimento dun renovado código de boas prácticas, e que se recuperen a transparencia e a honestidade no proceso, ignoradas na actualidade con demasiada frecuencia.

E malia que a experiencia nestes primeiros anos da ADDP nos demostrou que o necesario proceso de cambio será quizais máis longo e complexo do que agardabamos, se seguimos traballando con esta dedicación, sen dúbida non só poderemos alcanzar os obxectivos iniciais, senón que tamén recuperaremos uns valores que nunca se deberon perder:

TRANSPARENCIA

RESPECTO

RECOÑECEMENTO ECONÓMICO

RECOÑECEMENTO PROFESIONAL

Muchas gracias

Gracias por apoyarnos